Quen Somos

   
Os CRA (Colexios Rurais Agrupados) son agrupacións de escolas unitarias da zona rural, dun ou varios concellos, constituíndo un só colexio público.

   Estas escolas agrúpanse coa finalidade de acadar novas expectativas pedagóxicas; deste xeito, as antigas escolas unitarias pasan a ser unidades do Colexio Rural Agrupado (CRA), permanecendo situadas nas mesmas localidades.


   O inicio dos primeiros Colexios Rurais Agrupados en Galicia remóntase ao curso 1988-89 en plan experimental, ata a actualidade na que existen 27 CRA en funcionamento espallados polas provincias de A Coruña, Ourense e Pontevedra.

   O CRA de Dodro, situado no Concello de Dodro (A Coruña) constituiuse no ano 2005 ( Orde do 1 de xuño de 2005 ) e actualmente está composto por 5 escolas situadas nos lugares de Bexo, Laíño, Lestrobe e Vigo, así como dunha sede administrativa en Imo, que alberga tamén a biblioteca do centro. Esta sede é o punto de encontro de todos os membros da Comunidade Educativa.


   Ao profesorado titor de cada unha das unidades ou escolas engádese o profesorado especialista itinerante e outros en función das necesidades do centro.

   A distancia entre estas escolas ronda en torno os 2 km as máis próximas e 8 km as máis afastadas entre sí. Nas 5 escolas escolarízanse rapaces de 2º ciclo de educación infantil.

   O obxectivo do CRA de Dodro é elevar a calidade do ensino da nosa comunidade de ámbito rural, contribuíndo á revitalización das antigas escolas unitarias e evitando o desarraigo das nenas e nenos da súa contorna familiar e natural. Ademais, a nosa labor docente vese enriquecida grazas aos equipos permanentes de traballo e a elaboración e aplicación de proxectos didácticos conxuntos, o que serve para evitar o illamento profesional e acadar á vez unha participación activa de todos os membros da Comunidade Educativa.